Thursday 09 de May de 2024

Dúas novas citas para a dinamización lingüística recalan na Pobra


O Elma volverá ser escenario de novas actividades focalizadas na dinamización lingüística no que resta de ano e que se enmarcan na Rede de Dinamización Lingüística da Xunta (RDL), á cal o Concello da Pobra do Caramiñal pertence dende hai un ano a través do seu Servizo de Normalización Lingüística (SNL), adscrito á Concellaría da Normalización Lingüística. A primeira das citas será coa asociación cultural Donaire, cuxo obxectivo fundamental é contribuír á conservación e promoción da cultura tradicional galega, principalmente na área da música e o baile tradicionais. Ofrecerán así unha actuación ante o público pobrense no domingo 6, ás 19.00 horas.
Por outra banda, despois de que fose preciso adia-lo espectáculo Polo Camiño, contos da feira por cuestións alleas ó Concello, xa hai unha nova data para que a compañía A Cova das Letras suba ás táboas. Será no 19 de decembro, ás 19.00 horas. Trátase dunha proposta para a cal se empregan monicreques de luva e de táboa e que se basea na tradición oral galega e mais noutras literaturas populares para narra-la historia dunha feira na cal conflúen seis personaxes que, cos seus contos e cantos, fan voa-la imaxinación do público: a fotógrafa minuteira, o fistor, Pepa a Loba, Pepa das Mulas, o vendedor de tarabelas e a posticeira. Adscríbese ó programa FalaRedes 2020, da Secretaría
Xeral da Política Lingüística.
As actividades son de balde e aptas para tódolos públicos. Seguiranse as medidas implantadas por mor da COVID-19, polo cal se aconsella a reserva previa da entrada a través do teléfono de contacto 676666263, ben sexa chamando ou por whatsapp. A fin do prazo da inscrición é ás 16.00 horas do propio día do evento.